¿Que é un Castelo?
Os castelos son construccións típicas da Idade Media. Podemos atopalas por toda Europa e na Península Ibérica deron nome ó Reino de Castela.
O castelo é un edificio de carácter militar que non está pensado para levar unha vida pracenteira, por eso soen ter as condicións mínimas de habitabilidade. Está concibido para aloxar a unha guarnición de homes armados e expertos na arte da guerra. Ademais teñen unha serie de elementos que garanten unha fácil defensa en caso de asalto por unha tropa hostil: normalmente sitúanse en lugares altos desde onde se pode observar a calquera inimigo que se aproxime, soen presentar un foso que só se pode salvar a través dunha ponte levadiza, rodéanse de murallas e torres que complican en maior medida un hipotético asalto,...
Case non sabemos nada dos primeiros castelos. Crese que eran construccións bastante febles nas que predominaba a madeira. A súa principal virtude defensiva era o feito de que se situaban en lugares altos e dificilmente accesibles. É só a partir do século XII cando comeza a imporse a construcción en pedra.
En Galicia temos unha variada mostra deste tipo de arquitectura, pero polo xeral son máis pequenos e menos espectaculares cós de outras rexións como Castela ou Francia. En Galicia, ademais, o que predominan son os torreóns defensivos e illados que non presentan unha infraestructura suficiente que os faga habitables.
¿Quen mandaba nos Castelos?
Os castelos eran propiedade de membros da nobreza, que
podían ser tanto laicos como pertencentes ó clero. Cada
señor mandaba no seu castelo directamente ou por medio
dun administrador, e ademais sobre un amplo territorio
chamado
feudo.
Dentro do feudo vivían os súbditos do señor. Estes denominábanse
vasalos porque fixeran un xuramento de vasalaxe polo que
lle debían fidelidade. O señor, a cambio, garantía a defensa
dos vasalos e normalmente tiña dereito de vida ou morte
sobre os seus súbditos. Se un vasalo traizoaba ó seu señor
cometía delito de
felonía, que
era unha das peores faltas que podían ter lugar no medievo.
Nas terras do señor vivían outros nobres que tamén eran vasalos e lle debían respecto. Tiñan as súas propias casas, un feudo e loitaban baixo a mesma bandeira. O señor podía quitarlles o feudo se se mostraban infieis ou traizoaban o xuramento de vasalaxe.
As terras do señor eran traballadas por campesiños. Estes, a cambio de protección, tiñan que pagar unha parte da súa colleita e ademais realizar unha serie de servicios. No castelo de Vimianzo durante a Idade Media e parte da Idade Moderna tiñan a obriga de contribuír:
- Ó mantemento dos muros, e reparalos se fose necesario.
- Correr e montear ó lobo.
- Limpar o muíño do castelo e a súa represa.
- Mallar o trigo das rendas.
- As viúvas debían dar ó conde dúas galiñas ó ano.
- Darlle ó señor o mellor animal de catro pés no caso
de que morrese o cabeza de familia. Esta obriga denomínase
luctuosa.
A historia do Castelo de Vimianzo
O castelo non foi sempre como o vemos hoxe en día, senón que sufriu diversas reformas e reconstruccións que cambiaron sucesivamente o seu aspecto.
Os constructores da fortaleza foron, moi probablemente,
os
Mariño de Lobeira, alá polos
séculos XII ou XIII. Case non se pode apreciar o aspecto
deste primeiro edificio, xa que practicamente non quedan
vestixios. Só as escavacións realizadas nos anos 80 nos
revelan a existencia dunha gran torre no que hoxe é o
patio do castelo e da que podemos observar os cimentos.
Ó seu lado vemos tamén os restos dun forno usado posiblemente
para a elaboración de pan. Ademais, baixo os muros actuais
aínda se conservan restos da antiga construcción.
Pouco coñecemos tamén sobre a época na que os Mariño foron
donos do castelo, e pouco máis sabemos da orixe dos
Moscoso,
que serán os seguintes propietarios. Sabemos que estaban
emparentados cos
Traba, probablemente
a familia nobiliar máis representativa dos anos centrais
da Idade Media galega. Orixinariamente parece que debemos
situalos na zona de Amaía, a carón de Santiago. Gracias
a sucesivas compras de terras e a matrimonios de conveniencia
que lles permitiron acceder a substanciosas herdanzas,
foron medrando pouco a pouco. Deste xeito acabaron detentando
o título de
Condes de Altamira,
o que demostra a súa proximidade á Coroa, e chegarán a
converterse nunha das familias nobiliarias máis poderosas
da península.
A finais do século XV (1467) prodúcese un feito decisivo
na historia de Galicia e do castelo: o que se coñece como
a
Guerra Irmandiña. O pobo,
cansado pola presión económica, os abusos e a violencia
exercida polos señores feudais sobre eles, deciden tomar
ó asalto as fortalezas. Este acontecemento vai provocar
a fuxida de toda a grande nobreza galega cara Castela
e a maioría das fortificacións existentes serán destruídas
ou quedarán seriamente danadas. O mesmo lle aconteceu
ó castelo de Vimianzo, que será tomado ó asalto.
A rebelión non durou moito. Os nobres escapados reorganizáronse
en Castela e, coa axuda da aristocracia local, emprenderon
a recuperación das súas posesións no ano 1469. Coa caída
dos irmandiños será o Arcebispado de Santiago quen se
apodere do castelo. Sen embargo, uns anos máis tarde,
un dos Moscoso,
Lope Sánchez de Moscoso,
autoproclamado primeiro Conde de Altamira, recuperará
a fortaleza pola forza das armas. O castelo será reconstruído
gracias á intervención de mestres canteiros e vascos,
e o aspecto resultante non debía ser moi diferente do
actual.
Os enfrontamentos entre a Mitra santiaguesa e os Moscoso veñen xa do século anterior e van continuar durante o século XV. Uns dos motivos parece ser a natureza estratéxica do castelo. A cercanía á costa permitía controlar as rotas comerciais do Mar do Norte, os negocios da sardiña e do sal e os botíns dos barcos que naufragaban nestas costas.
A finais do século XV os condes de Altamira abandonarán
Galicia como a meirande parte da nobreza galega para residir
na Corte e estar máis preto dos reis. A administración
das súas posesións quedará en mans de figuras que se denominarán
alcaides ou meriños. Esto mesmo acontecerá
en Vimianzo. O conde rara vez voltará a Galicia e serán
subordinados nomeados por el mesmo os que gobernarán o
castelo, cobrarán as rendas e remitiranas ós seus propietarios
na Corte.
Esta situación manterase relativamente estable ata o século XIX. Os Altamira irán pouco a pouco asentando o seu poder ata chegara ser unha das familias máis influíntes na vida pública do estado. No castelo residirán sucesivos alcaides e acometeranse diversas reformas que non son doadas de precisar porque falta aínda o pertinente estudio, pero en calquera caso non afectan á estructura orixinal do edificio.
A última gran reforma foi realizada no século XIX por
Evaristo Martelo. Parece ser que nesta época
o castelo estaba en bastante mal estado e acometeu unha
serie de obras para facelo habitable. Posteriormente a
súa filla,
Dolores Martelo de la Maza,
solteira e sen descendencia, cedeu a fortaleza ó Arcebispado
de Santiago. Finalmente en 1973 foi comprado pola Deputación
da Coruña, que o acondicionou para a súa visita.
As pedras Armeiras
Coñécense tamén como escudos de armas e son pedras labradas nas paredes das construccións que pertencen a unha determinada liñaxe. Nelas represéntanse os símbolos que identifican a esa liñaxe. Así, temos que os roeis representan ós Castro, as lanzas ós Lanzós, a serea ós Mariño, o porco e o can ós Andrade,... a variedade de símbolos é enorme, pero o que mais aparece son animais e armas.
Cando se constrúe o castelo (séculos XII ou XIII), as liñaxes nobiliarias galegas aínda se estaban conformando como tales, e polo tanto aínda non é costume poñer pedras armeiras nas construccións. A medida que algunhas familias van collendo un peso crecente mediante o incremento dos seus patrimonios territoriais, este costume vaise facendo cada vez máis frecuente (séculos XIV-XV).
No castelo de Vimianzo podemos ver varios escudos de armas. A maior parte deles pertencen á época en que Martelo reformou o castelo. Neles aparecen os símbolos que identificaban ás liñaxes que foron propietarias da fortaleza.
Consultar o horario de atención ao público do castelo