Concello de Vimianzo
25 de novembro de 2017
O corazón da Terra de Soneira

Pegadas no mundo

A emigración no Concello de Vimianzo

A emigración é, segundo Ramón Villares, “o factor máis definitorio da poboación galega contemporánea”, e non podía ser doutro xeito coa poboación vimiancesa. Este concello xa se situaba a finais do século XVIII entre as áreas galegas de forte emigración masculina. Esta primeira emigración dos séculos XVIII e XIX oriéntase fundamentalmente cara a Madrid, e, en menor medida, a Andalucía e a Portugal. Será a finais do século XIX cando comece no concello de Vimianzo a emigración a América, seguindo o exemplo doutros concellos costeiros (Corcubión, Fisterra ou Muxía), a onde as noticias sobre o novo mundo chegaran anos atrás. Un exemplo desta tardía emigración dos vimianceses apréciase nos censos de 1900 e de 1930. No primeiro sinálase que hai 768 habitantes ausentes, o que supoñía case un 9% da poboación; mentres que en 1930 xa eran 2.369 os ausentes, é dicir, máis do 25% dos vimianceses estaban emigrados. Será Vimianzo neste século un concello eminentemente migratorio, e os datos así parecen testemuñalo. O catedrático Peña Saavedra sinala que no intervalo de anos que vai de 1900 a 1963, Vimianzo ocupa o segundo posto entre os concellos coruñeses con máis emigración en valores absolutos (número de emigrantes), só superado polo de Ortigueira.

O destino preferido polos vimianceses que emigran no final do século XIX e comezos do XX vai ser a Arxentina, moi por riba do Uruguai, Brasil ou Cuba, como pasou na totalidade dos concellos da volta. José C. Moya analizou a emigración do partido xudicial de Corcubión á Arxentina e sinala que se asentaron na zona de La Boca e Barracas, o antigo sector portuario de Buenos Aires, porque os primeiros en chegar foron os emigrantes dos concellos costeiros, moitos deles mariñeiros. Cando emigraron os do interior do partido xudicial, tamén foron para alí, non por desempeñar labores relacionados co mar, senón porque seguiron os pasos de coñecidos daqueles concellos. Chegaron a crear auténticas colonias municipais, como sinala Moya: “los de Vimianzo se agrupaban en el ala oeste de la Plaza Brown, en La Boca”. Evidentemente, tamén houbo vimianceses que habitaron outras zonas da capital porteña, incluído o centro, pero xa se trataba de emigrantes de clase media, procedentes da vila ou que foran aumentando a súa posición social ao longo dos anos.

A masiva afluencia de emigrantes nas primeiras décadas do século XX levou canda si a necesidade de asociárense. Este asociacionismo tiña dúas finalidades nesta época: por unha parte cumpría un fin mutualista e de socorro, e pola outra servía de axuda á terra de orixe (o problema do agro, a construción de escolas e outras obras de menor calado, etc.), ademais de serviren como vínculo entre os emigrados dunha parroquia, dun concello ou dunha comarca. Os emigrantes vimianceses na Arxentina vai constituír unha das entidades máis importantes en agosto de 1922: a “Asociación Agraria y Cultural Hijos del Partido de Corcubión”, que cinco anos despois cambiaría o nome polo de “Asociación Benéfica y Cultural del Partido de Corcubión” (coñecida popularmente como “ABC de Corcubión”). Na mesma época crearíase, entre as varias que houbo da Costa da Morte, unha pequena entidade supraparroquial de curta vida chamada “Unión Residentes Puente del Puerto, Cereijo y anexos”, con data de fundación de 10 de maio de 1923, e que abranguía as parroquias camariñás da Ponte do Porto e Xaviña e as vimiancesas de Cereixo e Carnés.
Pero a entidade máis importante é a ABC de Corcubión, que a finais de 1924 contaba con 600 socios, dos que 130 eran vimianceses, sendo o concello con maior número. Co transcorrer dos anos foi aumentando o número de socios, e con el a súa importancia dentro da colectividade. Unha das actuacións máis importantes dentro da súa historia foi a construción de catro escolas no partido xudicial corcubionés, unha delas en Pasarela, que se levou a cabo a comezos da década de 1930, contando coa colaboración dos veciños deste lugar. Hai que ter en conta, que segundo datos do profesor Narciso de Gabriel, o concello de Vimianzo contaba nestas datas cunha taxa de analfabetismo do 53% nos homes e do 74% nas mulleres; mal que trataron de remediar os emigrantes. A guerra civil e posterior ditadura impediu continuar este proxecto solidario, e a propia ABC tivo que trocar de obxectivos. Esta asociación tomou claro partido pola legalidade republicana, e defendeu a súa posición dende o galeguismo no que militaban varios dos seus dirixentes, postura que se viu incrementada cando Castelao decidiu asentarse na cidade bonaerense como exiliado.
Dentro deses dirixentes da ABC había varios vimianceses, pero un destacaba sobre os demais: Perfecto López. Este home nacido na aldea da Toxa e criado na Valiña, de onde lle vén o alcume polo que foi coñecido, ‘o Tato da Valiña’, marchou para América pobre de solemnidade e fixo aló unha fortuna no sector do automóbil, o que lle deu gran prestixio dentro da colectividade galega emigrada. O Tato foi importante valedor dos emigrantes vimianceses que chegaban ao río da Prata, e intentou selo tamén aquí, mais moitas veces topaba contra as autoridades municipais franquistas. O que si conseguiu foi revitalizar e fortalecer a ABC de Corcubión, dotándoa dunha sede social e dun terreo para festas campestres, aumentando o número de asociados e de actividades, durante os máis de trinta anos que estivo na súa directiva.

Hoxe en día, a ABC aínda continúa vizosa, e os vimianceses emigrados alá seguen desenvolvendo un gran labor dentro dela, pero evidentemente sen ter a forza doutras épocas debido ao descenso da emigración a América a partir da década de 1960.

O ano de 1960 supón o punto de inflexión entre a emigración galega con destino a América e a que elixirá a partir de entón a Europa central: Alemaña, Holanda, Inglaterra e, fundamentalmente, Suíza; sen esquecernos doutra menor como a chamada “emigración interior”, aquela que tiña como destino Euscadi ou Cataluña, ou a que levaba a xente do rural cara ás cidades, no caso de Vimianzo cara á Coruña. Pero será o país helvético o que soporte maior peso na emigración dos vimianceses e dos concellos veciños. Sinala o historiador Xurxo Martínez que o 8% dos emigrantes españois en Suíza procedía da Costa da Morte, o que supoñía un 40% de todos os emigrantes da provincia coruñesa. A diferenza desta emigración a Europa fronte á americana era que era máis temporeira e permitía máis facilmente o retorno, ben parcial, ben definitivo. A mellora das condicións de vida no Estado español nas décadas de 1980 e 1990 levou a un importante descenso da emigración cara a Europa; mais nos finais do século XX renaceu a emigración temporeira, neste caso a zonas coma as Canarias ou Cabo Verde, e nestes últimos tempos parece que volve coller forza a emigración a Suíza motivada pola crise económica.

(Información de Xosé Mª Rei Lema)

Sede Electrónica
Directorio Empresarial
Escoitámoste
Liña directa co alcalde
Axenda
- 2017 +
- novembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
1
2
3
6
7
8
9
10
12
13
14
15
16
17
20
21
22
23
27
28
29
30
 
 
 

Perfil de contratante
Boletíns
SEA- Suelo Empresarial del Atlántico
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X