Concello de Vimianzo
21 de setembro de 2017
O corazón da Terra de Soneira

O concello

O concello de Vimianzo

O concello coruñés de Vimianzo é a capital natural da Terra de Soneira. Forma parte da denominada Costa da Morte e linda cos concellos de Laxe, Camariñas, Muxía, Dumbría e Zas. Pola parte sueste limita co Encoro de Fervenza, que o separa do concello de Mazaricos.

Conta con 187 quilómetros cadrados de superficie distribuídos en 14 parroquias nas que viven un total de 8.543 persoas. Chégase aquí dende A Coruña, camiño de Fisterra, pola C-552, e dende Santiago pasando por Santa Comba e Zas, ou ben por Negreira e Baíñas.

A base económica deste concello é a gandería, aínda que tamén é moi importante a produción madeireira (o noso concello conta cun número destacable de serradoiros). Na industria é de salientar a presenza dunha empresa en Castrelo dedicada á extracción e comercialización de caolín, e outra de fabricación de artigos de coiro. A riqueza do Río Grande e dos seus afluentes favorece a produción piscícola, ao mesmo tempo que se aproveita a forza da auga en varias centrais hidroeléctricas.

Para dar acollida aos nosos visitantes, en Vimianzo contamos con un amplo número de hostais, establecementos de turismo rural, vivendas vacacionais e restaurantes.

A gastronomía é dunha gran variedade e riqueza: saborosas carnes, deliciosas caldeiradas de peixe e, ante todo, mariscos da Costa da Morte. 
Tamén posuímos un importante legado histórico; Vimianzo é un concello no que se pode apreciar a evolución da civilización humana dende a Idade Castrexa ata a actualidade: dolmens, mámoas, petróglifos, castros, mostras do Románico e do Renacemento, arquitectura civil e relixiosa, conflúen na diversidade das terras soneirás. O Castelo de Vimianzo foi testemuña dende a súa construción (a finais do século XII), de cruentos enfrontamentos entre a mitra compostelá, a nobreza, a fidalguía e o campesiñado, e escribiu máis dunha páxina na historia de Galicia.
Outros puntos de interese son o Pazo de Trasariz, o Cruceiro dos Santos (Cheis), a necrópole suevo-romana de Tines, os dolmens de Pedra Cuberta (Treos), Casota de Freáns (Berdoias) e Pedra da Arca (Baíñas), e as numerosas igrexas parroquiais e pequenas ermidas.

Ademais, pódense contemplar fermosas panorámicas dende o Monte Faro, o Alto de San Bartolo ou a Casa do Prado.

Mención á parte merece o conxunto dos Batáns de Mosquetín, mostra do aproveitamento da auga nos acabados da artesanía téxtil na que Vimianzo, ao igual que Camariñas e Muxía destaca, ao contar cun gran número de palilleiras, sendo o encaixe de bolillos outro dos atractivos deste concello.

Numerosas festividades relixiosas e pagás sucédense ao longo de todo o ano: San Vicenzo, a Cruz de Serramo, San Pedro de Berdoias, Santiago de Cereixo e Nosa Señora do Carme en Vimianzo. Reviste un carácter especial a Faguía de Carnés da véspera de San Cristovo), festa na que antigamente se lle daba de comer aos pobres e que hoxe se converteu nunha festa gastronómica na que se poden degustar os saborosos callos (típico prato galego a base de garavanzos e carne de porco).

Vimianzo acolle ademais outras celebracións organizadas polo Concello e por distintas asociacións culturais, entre elas a Festa do Poldro, varios festivais folclóricos, o Asalto ao Castelo (rememorando as revoltas irmandiñas) ou a competición de baixada de carrilanas en Trasouteiro.
As terras de Vimianzo e, en xeral, do Val de Soneira, teñen sobre si o peso da Historia e nelas son perfectamente visibles as pegadas dos nosos antergos; hoxe podemos gozar deste importante legado grazas ao seu bo estado de conservación.

Sabemos que no noso territorio houbo importantes asentamentos durante o Neolítico (V-III milenio a. C., aproximadamente) dos que hoxe en día aínda se conservan numerosas mámoas, dolmens, petróglifos e castros esparexidos por toda a xeografía do concello.

A necrópole de Tines permítenos coñecer algo máis dos suevos e dos romanos. Importantes camiños antigos cruzaron este concello, que foi testemuña de peregrinacións multitudinarias, dando así orixe a pobos e templos cristiáns.

Ademais, en épocas pasadas a Terra de Soneira estivo habitada polas máis importantes familias nobiliarias galegas, e isto reflíctese nos numerosos pazos e casas nobres que aínda se conservan, pero sobre todo no Castelo de Vimianzo, que pertenceu ás familias dos Moscoso e os Altamira.

As abundantes ermidas, capelas e igrexas, e tamén os cruceiros, pontes e fontes, traen ata os nosos días a arte de distintos estilos e épocas.
Ao longo do tempo, a xente de Vimianzo tivo que botar man do seu enxeño para satisfacer as súas necesidades cotiás. Clara mostra deste enxeño son os muíños e o conxunto de batáns do Mosquetín, que durante décadas permitíronlle aos vimianceses aproveitar a forza das augas do Río Grande.

As antigas tradicións perviven tamén nalgúns oficios: aínda hoxe un gran número de mulleres elaboran o encaixe de bolillos, o que fixo que a figura da palilleira continúe viva a pesares do paso dos anos.

Numerosas festas relixiosas e pagás viñéronse celebrando durante séculos en Vimianzo, algunhas delas tan arraigadas como a Faguía de Carnés, que aínda segue existindo e que podemos rastrexar dende mediados do XIX, aínda que supoñemos que a súa verdadeira orixe data xa de mediados do XVIII, época na que foron fundadas a maioría das confrarías parroquiais galegas.

Sede Electrónica
Directorio Empresarial
Escoitámoste
Liña directa co alcalde
Axenda
- 2017 +
- setembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
21
22
23
24
25
26
28
29
30
 

Perfil de contratante
Boletíns
SEA- Suelo Empresarial del Atlántico
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X